BENVIDA

Ola nenas! Ola nenos! Benvidas e benvidos á bitácora oficial da asociación de mascotas do colexio.

28/2/14

A FESTA DO ENTROIDO NO COLEXIO

Ás nove comezan os preparativos: últimos toques ás espumadeiras, un apaño por aquí e por acolá no disfrace, algunha pinturiña na cara, poñer algunha cousiña na cabeza, a colocación dos tenderetes de venda, o reparto das lambetadas,...

Poñemos os disfraces para saír ao patio, o galo Vilaverdiño xa nos agarda nel (moi ben colocado e a cuberto, nun sitio preferente dende onde ver toda a festa) pero nós inda facemos unha foto de grupo. Esquecemos dicir que este ano os nosos disfraces van, como non?, moi relacionados coas comidas, coa cociña... levamos unha chea de tempo traballando sobre iso!: En infantil levan as mesas colocadas con ensalada, 1º prato, 2º prato e postre. En primeiro os ovos fritidos fan furor.  2º serve as mesas (son camareiras e camareiros). 3º e 4º son froitas, unha macedonia variadísima, 5º as cociñeiras e os cociñeiros e 6º a celebración culinaria - a festa do caldo-

Saímos por fin. Cantas cámaras de fotos! Mentres nos achegamos ao patio soan as ladaíñas elaboradas e cantadas polo alumnado de 2º ciclo.

Colocámonos no patio (este ano no patio cuberto, o tempo non resulta moi de fiar e como lle dea por chover...)

Nenas e nenos de 6º presentan o evento. Que ben o fan! Son case profesionais.

E xa nos toca desfilar, unha chea de cancións colocadas por Lola fan que o ritmo se nos meta no corpo. No son, Lola ten axuda, un papá colabora con todo o da megafonía
/>
A medio desfile as xuízas e xuíces de 6º xulgan ao galo Vilaverdiño por todos os males do ano. O galo pídelle ao alumnado de 5º que lea o seu testamento.

E comeza a venda de filloas, orellas,...

Este curso, hai un sorteo de produtos do entroido (cacheira, chourizos, grelos,...). Había moita xente con papeletas... pero só unha persoa gañou.

Chegou, por fin, o momento de queimar o galo, un galo cunha chea de plumas realizadas polo alumnado de infantil e primeiro ciclo. Volven soar as ladaíñas mentres o alumnado de 6º o leva cara ao descampado.

Non hai que preocuparse moito... o vindeiro curso haberá outro galo Vilaverdiño e... terá plumas novas!