BENVIDA

Ola nenas! Ola nenos! Benvidas e benvidos á bitácora oficial da asociación de mascotas do colexio.

27/11/26

25N: Estrelas con mensaxes que brillan por un mundo libre de violencia

Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, as familias do noso cole participaron nunha actividade moi especial: elaboraron estrelas con mensaxes reivindicativas, cheas de palabras de respecto, igualdade, amor e liberdade.

Despois, esas estrelas chegaron ás aulas, onde, cun pouco de auga e moita ilusión, se abriron para descubrir e ler as mensaxes que agochaban no seu interior. Unha actividade máxica e simbólica que nos permitiu compartir reflexións, expresar desexos e lembrar que a igualdade e o bo trato constrúense cada día, desde pequenos e pequenas, en familia e na escola.

Porque cada palabra conta, cada xesto suma e, entre todas e todos, podemos facer brillar un mundo máis xusto, igualitario e libre de violencia.


Grazas ás familias por colaborar e por encher de estrelas, ilusión e compromiso as nosas aulas!